GALICIA CELEBRA O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Categoría: Nova

Como todos os anos, arrinca abril en clave de literatura para os máis pequechos. Porque hoxe, 2 de abril, e como vén facéndose dende hai máis de catro décadas, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil que nos lembra a importancia que os libros, os bos libros, para os pequenos da casa, debe de ter na formación integral de todas as persoas.
Na nosa editorial, a LIX sempre resultou unha liña de edición estratéxica, na medida en que, dende a súa fundación, se entendeu que era moi necesario fornecer ás novas xeracións de libros adaptados á súa idade, na nosa lingua.
A día de hoxe, o catálogo de Galaxia, nas súas coleccións Árbore, ou en Álbum ilustrado, ou, máis recentemente na súa aposta polos libros con música, ofrece un mollo de propostas que fai difícil a escolla, precisamente, polo moito que hai e pola calidade do ofrecido.
Hoxe é o día de festa da Literatura Infantil. Unha efemérede perfecta para coller aos nosos pequenos e pequenas e achegalos polas librerías para deixalos fedellar entre os libros para que escollan e alimenten, así tamén, a súa alma curiosa.

Compartir na redes sociais: