O lema que finalmente quedará da multitudinaria manifestación onte en Santiago a prol do galego, son os versos do poeta Uxío Novoneyra: 'A forza do noso amor non pode ser inútil'. Porque iso foi o que onte se sentíu nas rúas de Compostela: amor polo galego, polo noso, pola historia que temos detrás e polo futuro que, entre todos, e en galego, queremos construír.
Sen dúbida, un dos datos máis esperanzadores que cómpre salientar é que son moitas as organizacións de todo tipo que se sumaron á plataforma Queremos Galego e que onte pasearon por Compostela baixo do paraugas da reivindicación. Un colectivo o de onte, xa que logo, plural, onde xentes de todas as tendencias e persoas de todas as sensibilidades, quixeron camiñar xuntas na capital da nosa terra para deixar claro que non queren tolerar a perda do noso máis sagrado sinal de identidade.
Nesa esperanza compartida, como cada día e como cada hora, camiñamos.