Galegos na Arxentina

Categoría: Nova

Dende que Alberto Vilanova publicou en 1966 Los Gallegos en la Argentina (Edicións Galicia), achega en dous volumes á presenza histórica de galegos e descendentes de galegos á construción da república austral, algo choveu. Nos anos 40 do pasado século calculábase en case medio millón de galegos só na cidade de Buenos Aires, bastante máis ca en calquera das cidades de Galicia naqueles momentos. Nesa época a cultura galega resistía e desenvolvíase da outra beira do océano: Castelao, Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Neira Vilas, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Suárez Picallo…

María Rosa Lojo, Marina Guidotti e Ruy Farías publicaron na Fundación Barrié (2008) un importante traballo de investigación sobre a significación da colectividade galega naquel país: Los "gallegos" en el imaginario argentino. Analizan a aportación da comunidade galega a aquel país e a visión que os arxentinos teñen "dende fóra" dos galegos, que xunto cos italianos e os xudeos son as grandes etnias constitutivas daquela nación americana.

De María Rosa Lojo, unha das grandes novelistas galegas na Arxentina, ademais de investigadora social, publicamos en Galaxia o seu libro A fin da terra (Literaria, 2006) e preparamos para este ano un album ilustrado, da man da súa filla Leonor Beuter, que se titulará O libro das seniguais e do único senigual. Ruy Farías traballa na historia da emigración e dirixe na actualidade o departamento de documentación histórica da Federación de Sociedades Arxentinas.

Non son os únicos galegos ou descendentes de galegos que activan culturalmente a colectividade porteña. Dende os salóns do café Tortoni, Débora Campos e Andrea Cobas promoven os encontros literarios da avenida de Maio, con importante afluencia de interesados na literatura galega. No Centro Galicia e no Colexio Apóstolo Santiago (cunha matrícula de medio milleiro de alumnos e alumnas) a actividade cultural e educativa xira asemade arredor de Galicia, e outrosí no histórico Instituto Arxentino da Cultura Galega, na sede do Centro Galego na avenida Belgrano.

Son algúns casos. Recentemente La Voz de Galicia dedicou parte do suplemento "Los Domingos" á actividade destes autores (podedes acceder dende o noso blog), proba de que Galicia e a cultura galega vive mesmo alén das súas fronteiras.

Compartir na redes sociais: