Galaxia publica completo o Tonecho de Xaquín Marín

Categoría: Nova

Estes días chegaba ás librarías Tonecho a recuperación por parte da Editorial Galaxia dun dos personaxes fundamentais do noso humor gráfico, e a posta en valor dunha autor fundamental: Xaquín Marín.
Dende as páxinas da inesquecible revista Golfiño (2000-2004), que educou visualmente varias xeracións de galegas e galegos, e onde traballaban os máis grandes do humor gráfico de noso, Tonecho aparecía como unha voz cargada de retranca, inxenua, mais de profunda sabedoría, e moi crítica.
Nesta edición, a Editorial Galaxia recupera este traballo dun Xaquín Marín pletórico nun momento crucial da súa carreira, recollendo a colección completa de Tonecho coa idea de achegar o personaxe a novos lectores e de ofrecerlle aos que xa o coñecían unha nova experiencia. Para ler e rir con vagar!
 
Xaquín Marín é dos autores máis clásicos das viñetas galegas. Desde o inicio da súa carreira ten compaxinado ilustración, BD e un inxente labor como cartelista e humorista gráfico. Asinou álbumes de BD como Dos pés á testa. Ten colaborado cunha infinitude de publicacións que inclúen Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego, Das Kapital, Can sen dono, A ameixa cacofónica, Diario16, La Codorniz e Hermano Lobo. Colaborou regularmente coa revista Golfiño nas súas dúas etapas. Defensor das liberdades e da lingua galega nos anos finais da dictadura, contribuiu activamente a iniciativas artísticas posteriores como a resposta crítica á crise do Prestige, promovendo a exposición Humor Cru e participando no álbum de cómic H2Oil (2003). Marín é a alma mater e director do Museo do Humor de Fene, unha iniciativa sen parangón no estado.

Compartir na redes sociais: