Galaxia publica a nova novela de Pamuk, O MUSEO DA INOCENCIA

Categoría: Nova

A Biblioteca Compostela, colección publicada coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago e que xa ten entre os seus títulos O castelo branco, a primeira novela do escritor turco, e Istambul, o libro de lembranzas no que percorre a súa cidade natal, acollerá entre as novidades para 2009 esta esperada novela de Pamuk, a primeira que publica desde a concesión do Nobel en 2006.

A nova novela, na que estivo a traballar Orhan Pamuk durante os últimos anos, sairá publicada en galego traducida por Bartug Aykan e María Alonso Seisdedos. O museo da inocencia, un longo esforzo narrativo de máis de 600 páxinas que polo de agora só foi publicada na súa edición orixinal turca e na tradución para o alemán, desenvólvese en Istambul, entre 1975 e os derradeiros anos do século XX. Conta a historia de Kemal, fillo dunha das familias máis ricas da cidade, e a do seu obsesivo amor secreto por unha rapaza da clase traballadora. Kemal reúne os obxectos que pretencían á súa amada e, a través deles, vai contando a historia de amor que marcou a súa vida. A novela que lemos é o catálogo comentado dun museo e que leva ese mesmo nome: o museo da inocencia. Orhan Pamuk retrata nesta novela unha clase social que en moitos aspectos —mesmo nas opinións e hábitos— parece totalmente occidentalizada, pero que arrastra aínda moitos prexuízos —un contraste que dá lugar a unha ironía sutil. O libro, en fin, narra a insólita historia de amor dunha parella insólita.

Compartir na redes sociais: