Malia ter xa publicados sete títulos, aproveitouse esta ocasión para presentar publicamente a colección, subdividida en dúas series, unha de manuais e outra de breviarios.
A Casa da Cultura Galega foi a sede escollida para o acto no que Análise e intepretación de textos dramáticos. Unha introdución presentouse como unha aposta de futuro. Baixo unhas expectativas favorables, coa inauguración o próximo curso da nova Escola Superior de Arte Dramática, o libro pretende servir de guía nas probas de acceso eliminatorias para todos os alumnos que queiran acceder a esta titulación. Este novo centro estará baixo a dirección de Manuel Vieites, encargado da colección e autor desta última publicación. O autor afirmou que esta obra pretende chegar tanto a mestres de secundaria que organicen obras coma a actores de teatro. Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, sinalou que, aínda que supón unha inversión a fondo perdido, pretenden seguir dándolle pulo a este tipo de iniciativas que enriquecen a cultura galega.