Un ano máis o sector editorial galego viaxou entre o 23 e o 26 de marzo á Feira do Libro Infantil de Bolonia, a máis importante do mundo neste ámbito, para presentar os seus proxectos.
Dentro do coidado stand galego, a editorial Galaxia incrementou nesta ocasión a súa presenza ao contar cun espazo propio no que mostrar as súas novidades. Entre elas, chamaron especialmente a atención os títulos "O prodixio dos zapatos de cristal", "O debut de Martino Porconi" e "Un bico de amor e vida" (colección Musicontos), que viaxaron a Bolonia logo de ser seleccionados todos eles para formar parte da Bienal Exposición Internacional de Ilustración de Bratislava.
Entre eles, notamos un especial interés dos visitantes no libro "O prodixio dos zapatos de cristal", de Xosé A. Neira Cruz e ilustrado por Rodrigo Chao, exposto no stand da Biblioteca Internacional do Libro Infantil de Munich ao formar parte da lista dos White Ravens 2009, que cada ano compón esta biblioteca seleccionando os 250 mellores libros infantís do mundo.
Continuando co camiño iniciado o ano pasado, no que se presentara durante a Feira a creación prevista para o ano 2009 na Cidade da Cultura do Centro IBBY da Literatura Infantil e Xuvenil para a Diversidade Cultural, o segundo centro que o IBBY (International Board on Books from Young People) difunde e promove, este ano Galicia voltou ter un protagonismo singular ao presentar Xosé A. Neira Cruz, director das coleccións Árbore e Costa Oeste de Galaxia, o vindeiro 32º Congreso Internacional do IBBY que vai ter lugar en Santiago de Compostela no mes de setembro de 2010, do cal é comisario. Baixo o lema "A forza das minorías", presentáronse as actividades previstas e abriuse o prazo de inscripción para un Congreso ao que se prevé que asistan unha ampla representación de especialistas en literatura infantil de todo o mundo. Será, xa que logo, unha boa ocasión de dar a coñecer o importante labor que neste eido se está a desenvolver en Galicia por parte dos creadores e do sector editorial.
Unindo esforzos, durante a Feira, GALIX (Asociación Galega para o Libro Infantil e Xuvenil) presentou dúas publicacións con vontade de divulgar a nosa literatura no exterior: o catálogo das novidades editadas no 2008 e unha nova publicación que recolle textos traducidos de autores e autoras galegos, os cales foron distribuídos gratuítamente no stand de Galicia.
Por último, tivo lugar no centro da cidade, no fermoso Palazzo do Arquigimnasio, a inauguración dunha actividade culturalmente relevante e novidosa: a exposición titulada "O álbum galego: 25 miradas para unha década", que mostra orixinais publicados de 25 ilustradores dos últimos dez anos. A mostra serve para difundir, máis aínda, o bo facer dun sector editorial que incrementa día a día a súa presenza internacional e que goza, desde hai ben de tempo, dun prestixio máis que consolidado.