Por cuarto ano consecutivo, Editorial Galaxia toma a decisión de manter os prezos de todos os libros do seu catálogo, sen subir nin un só céntimo de euro en ningún deles. A medida decidiuse, xa que logo, hai ben de tempo, cando a crise económica, aínda tímida, comezaba a asomar os cairos, e conscientes como somos das dificultades que todas e todos estamos pasando e ao tempo de que esas problemáticas non deben ser atranco para gozar da lectura e do acceso aos libros na nosa lingua apostamos por darlle continuidade a esta política de prezos.
A filosofía da nosa editorial sempre foi consecuente coa idea de poñer a disposición do público galego produtos literarios (e nos últimos tempos tamén musicais e audivisuais ou en Rede), en lingua galega e de alta calidade. E sempre a un prezo asequible. Fórmula sempre difícil de conseguir pero que a día de hoxe, coa crise golpeándonos a todos, á industria cultural moi en especial, se ve como máis imprescindible ca nunca.
Seguiremos lendo ao prezo de sempre. E gozando da literatura coa mesma paixón de sempre.