Galaxia lembra o medio século de [i]Merlín e familia[/i] cunha exposición no Museo do Pobo Galego

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia quere celebrar o cincuenta aniversario da edición dunha obra fundamental para a nosa literatura e dun autor imprescindible. Para iso ofrece a exposición: 50 anos con Merlín e familia, que permanecerá aberta desde o 15 de setembro ao 30 de novembro no Museo do Pobo Galego.
Tres partes son as que conforman e enchen de contido a exposición dedicada ao autor mindoniense e o seu Merlín: Unha primeira parte escenográfica na que o visitante pode entrar fisicamente na novela atravesando a selva de esmelle, a fraga de Eirís ata chegar a Terra de Miranda. Felipe de Amancia, dona Xenebra ou dona Simona poden acompañarnos neste plástico percorrido. Unha segunda parte biográfica da conta do fitos máis salientables da vida de Cunqueiro e nela podemos atopar as primeiras edicións das obras de Cunqueiro, algunhas cartas da correspondencia de Cunqueiro a Paco del Riego e obxectos personales do autor. A terceira sección adícase ao mito de Merlín, as súas orixes e a súa influencia na literatura occidental e, como non, na galega. Nesta parte podemos atopar a versión máis antiga que se coñece, ao galego –portugués, dun texto de Merlín e que esta datado de principios do século XIV. 50 Anos con Merlín é unha proposta didáctica, interactiva e visual á que se poden achegar todos os públicos. Fausto Isorna encargouse de darlle vida e facer reais os espazos e os personaxes do Merlín de Cunqueiro, unha nova versión da que no ano 1955 fixera Manuel Prego de Oliver –láminas que tamén estarán presentes na exposición-. A proposta de Fausto da como resultado unha exposición áxil e cun gusto estético fresco e actual. Rodrígo Roel foi quen fixo a posta en escena de todos estes deseños.

Galaxia tamén ofrece un ciclo de conferencias e mesas redondas arredor da figura de Cunqueiro e o seu Merlín e familia, durante o tempo que dure a exposición, nas que participan narradores, poetas, artístas e estudosos da súa obra.

Galaxia elexiu o Museo do Pobo Galego para situar a súa exposición. O Merlín de Cunqueiro non podería ter soñado outro espazo, polo este que significa, para dialogar co público. Permanecerá aberta do 15 de setembro ao 30 de novembro no horario de apertura do Museo.

Compartir na redes sociais: