Nun rolda de prensa celebrada onte no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra, Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, a investigadora Diana Vilas e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, anunciaron un acto de homenaxe a Castelao previsto para o vindeiro 30 de xaneiro que terá como protagonista a presentación da edición nun estoxo dos facsímiles dos Álbums da Guerra. Realizada por Galaxia por encargo da Deputación Provincial, esta edición especial das obras que se gardan no Museo de Pontevedra será remitida a todos os Concellos e bibliotecas da provincia.
No acto do homenaxe do vindeiro mércores 30, aniversario do nacemento de Castelao e Día da Ilustración, participarán ademais do deputado Xosé Leal, Francisco Castro e Diana Vilas, tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o escritor e académico, Xesús Alonso Montero, autor dun breve estudo que acompaña esta edición especial dos tres álbums en estoxo.
Esta iniciativa súmase pois á recuperación deste capítulo fundamental da obra gráfica de Castelao que realizamos hai mes e medio poñendo nas librarías edición facsimilares de Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, partindo por primeira vez das láminas orixinais que se conservan no Museo Provincial de Pontevedra.