Galaxia convoca unha mesa redonda arredor da tradución en Galicia.

Categoría: Nova

Editorial Galaxia convoca na Feira do Libro de Compostela unha mesa redonda para abrir un dialogo, unha reflexión compartida, un debate sobre o momento que está a vivir a tradución de obras doutras literaturas no panorama literario galego do momento.

Esta cita en Compostela cos libros ao aire reúne motivos abondo para non ignorala. Un deles é ver as portadas e lombos dos volumes, como quen non quere a cousa, cunha selección actualizada de novidades e superventas.

Dous dos libreiros composteláns presentes na feira, Couceiro e Pedreira, coinciden en subliñar que as últimas obras traducidas ao galego teñen unha acollida por riba das versións en castelán. É o caso das primicias en novela contemporánea publicadas por Galaxia antes ou ao tempo que en español como a última de Paul Auster, Brooklyn follies , e a de Truman Capote que permanecía inédita, Cruceiro de verán . O mesmo está a pasar con obras que levan anos de éxito ininterrompido en distintas linguas, pero que acaban de aparecer en galego, como é o caso de Seda , de Baricco, publicada pola editorial Rinoceronte como carta de presentación xunto coa do finlandés Arto Paasilinna, O bosque dos raposos aforcados . Outra novela que está tendo boas vendas na feira é a que recibiu o premio do Casino, Xuntos e máis nada , de Anna Gavalda, tamén publicada por Galaxia e cunha versión que supera á castelá, polo menos pola riqueza e frescura léxica.

Galaxia percibe a preferencia do lector por achegarse a obras significativas doutras literaturas na súa lingua, o galego, e por eso incorpora ao seu catálogo obras como as xa citadas. Por eso tamén quere abrir unha reflexión ao respecto e convoca, así, unha mesa redonda, un espazo para reflexionar e analizar a tradución en Galicia.

A Feira do Libro tamén lle achegou ao público a segunda novela de Xosé Monteagudo, o profesor que entrou de cheo no mundo da literatura ao gañar o premio Blanco Amor do 2002 con As voces da noticia. Presentou na carpa da feira Esta historia , publicada por Galaxia, unha mirada retrospectiva cara ao presente dos amigos que ten a Compostela no centro da acción, porque todo arranca e acontece nos anos de universitarios, cando fan reconto das ilusións que aniñaban daquela. Nesta novela, como dixo a tamén escritora Anxos Sumai na presentación, pódense recoñecer estudantes de hai uns anos e os de agora, tanto polas rutas de viños e copas como polas discusións filosóficas ou os cataclismos sentimentais.

Compartir na redes sociais: