Estes días arrancou en Vigo a retrospectiva dun dos nosos artistas e deseñadores fundamentais de finais do século XX, Francisco Mantecón (Vigo, 1948–2001). Poderá verse tamén na Fundación Luis Seoane, A Coruña, durante o verán do 2015.
Con motivo desta mostra, a Editorial Galaxia publica un libro con textos dos seguintes autores sobre a obra e traxectoria de Mantecón: Antonio Doñate & X. Carlos Hidalgo, Roque Lazcano Vázquez, Vítor Mejuto, Manolo Moldes, Francisco Sampedro, e Mar Vicente, ademais dos comisarios da exposición.
Resulta moi significativo que, mesmo nestas primeiras décadas do século XXI, un dos paradigmas das vangardas históricas do século pasado, a depuración xeométrica das formas, continúe a fomentar as máis diversas prácticas artísticas contemporáneas, tanto nos medios tradicionais, pintura e escultura, como nas versións post-minimal e conceptuais do obxecto artístico desubicado e expandido. Neste sentido, a vixencia da obra de Francisco Mantecón é un feito indiscutible: moitos son os novos artistas galegos que, acaso sen ser totalmente conscientes desa liña de continuidade, seguen a traballar nas pautas tan magnificamente expostas e desenvolvidas polo mestre da abstracción xeométrica.
Mantecón tratará, dende os seus inicios, de expresar o máximo co mínimo, e seguirá adelgazando, cadro a cadro, os motivos e os recursos: "estou sacando elementos do cadro, e estoume a quedar sen cadro". Incansable explorador da retícula implícita do lenzo, verdadeiro microcosmos para cuxo cartografado non lle alcanzou unha vida enteira. O seu legado está nestes momentos tal vez máis vivo que nunca, agora que, de novo, ventos de crise axitan o horizonte, agora que a vocación de síntese e a volta ao esencial semellan impoñerse como necesidades acuciantes aos creadores máis novos, que volven así abrir camiños e trazar liñas de investigación na pura materialidade xeométrica da obra, cruzándose en moitas direccións coas sendas sutilmente delineadas por Francisco Mantecón.