Coma sempre, o último trimestre do ano é especialmente fecundo no que se refire ás novidades literarias da nosa editorial. Entre outros, destacan, na colección Literaria, a publicación do Premio Manuel García Barros deste ano, 'Obediencia' de Antón Lopo, o Blanco Amor, que recaeu no escritor Iván García Campos, coa súa obra 'O imposible de desatar', ou a nova novela de Víctor F. Freixanes, 'Cabalo de ouros'. Nesta colección debutará tamén a escritora Xulia Alonso coa novela testemuñal 'Futuro imperfecto'.
Por outra banda, Editorial Galaxia segue apostando forte pola tradución dos grandes clásicos contemporáneos, ao tempo que no resto das linguas do noso entorno, cando non antes. Así será coas novas obras de Paul Auster, 'Sunset Park', 'Caos Calmo' de Sandro Veronesi (premio Novela Europea 2009), 'A viúva preñada' de Martin Amis ou a nova obra de Alessandro Baricco, 'Emmaus'.
Está prevista, ademais, a publicación dunha serie de libros ben singulares noutros formatos. Así, a escritora María Rosa Lojo vai sorprender cun álbum titulado 'O libro das Seniguais e do único Senigual', libro para pequenos e non tan pequenos, preñado dunha singular poesía, plástica e literaria, que vai ser unha das grandes sorpresas desta fin de ano.
Por outra banda, Editorial Galaxia inicia a colección 'Árbore Audiovisual' coa publicación de 'O soldadiño de chumbo', libro en formato álbum que virá acompañado pola multipremiada curta do mesmo título, producida por Continental e que será o punto de partida para unha nova liña editorial chamada a encher un oco importante na edición galega.
Finalmente, a música e a maxia terán tamén un importante protagonismo neste outono literario coa publicación do novo libro-disco da banda galega Mamá Cabra, 'Ola, ola, la!' no que, ademais, vaisenos agasallar cun conto de Gloria Sánchez e un karaoke para que ninguén quede sen aprender as cancións. A maxia chegará da man da curiosa edición de 'Abrapalabra!', libro-escenario froito da colaboración entre un mago das palabras como Antón Cortizas e outro mago, neste caso de chisteira e variña máxica, Carlos Coira.
Para o público infantil e xuvenil, publicaranse un bo mollo de novidades dentro da colección Árbore e Costa Oeste. Nesta última sobrancean títulos como 'A modelo descalza' de Jordi Sierra i Fabra ou 'O diario violeta de Carlota' de Gemma Lienas.