Durante a mañá do venres tivemos coñecemento da triste nova do pasamento do ilustrador Xan Balboa. O seu nome pasará á historia como un dos grandes da ilustración galega e, por suposto, totalmente pegado ao Lamote, ese personaxe inesquencible creado por Paco Martín. Para milleiros e milleiros de lectores e de lectoras, é imposible imaxinar as historias de Ramón Lamote sen o colorido e a visión, festiva e xenial, que Xan Balboa soubo deitar sobre esa vida literariamente tan poderosa. Velaí o soño de calquera ilustrador. Velaí o soño, tamén, de calquera lector.
Dende Editorial Galaxia queremos transmitir a nosa condolencia á súa viúva e ao resto da súa familia, ao tempo que manifestamos o noso orgullo por ter podido traballar cun artista de tantísimo talento.