(foto de Xurxo Lobato)
Este serán recibimos a triste nova do pasamento de Cristina Novoa Pedreira, presidenta da Fundación Isla Couto e viúva de Xaime Isla, un dos fundadores da nosa editorial.
Cristina Nóvoa Pedreira naceu en Vigo o 5 de marzo de 1922. Foi a terceira de catro irmáns. O seu pai, de ideoloxía republicana, foi detido no ano 1936 e confinado na casa durante dous anos. A súa nai trasládase a Santiago de Compostela á casa dos seus pais coas dúas fillas maiores e será onde Cristina estude o bacharelato no Instituto de Santiago de Compostela. No ano 1940 comeza os seus estudos de Filosofía e Letras, sección de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que posteriormente pediría o traslado do expediente á Universidade de Madrid para rematar a carreira por ensinanza non oficial.
No ano 1947 casa con Xaime Isla Couto. Compañeira de Xaime, sempre ao seu lado apoiándoo, participa activamente no traballo administrativo dos primeiros anos da Editorial Galaxia.
Cristina sempre di que foi na casiña que tiñan en Raxo, de nome "Illa Nova" como a colección literaria de Galaxia, onde aprendeu o galeguismo da man de Xaime, nos primeiros anos do matrimonio.
O enterro será ás 17,30 no cemiterio de Pereiró e o funeral ás 19 horas na Igrexa dos Apóstolos na rúa Marqués de Valadares de Vigo.
Hoxe, a piques de principiar o verán de 2014, deixounos para sempre. A súa memoria, na de todos os que facemos a familia da Editorial Galaxia, xa é para sempre inmorrente.