Festa grande en Trasalba

Categoría: Nova

Foi un día grande, coa casa de don Ramón chea de xente e de agarimos. Antía Cal Vázquez (A Habana, 1923) recibíu o Premio Trasalba na súa trixésima edición por toda unha vida dedicada á docencia, polo seu compromiso con Galicia, pola tradición galeguista propia e familiar, polo seu labor como ensinante (formadora de varias xeracións) e pola súa condición de muller civil, activa, entusiasta. Alí estaban tamén os seus antigos alumnos, balgúns casos cos seus fillos, varias xeracións que pasaron polas aulas do colexio Rosalía de Castro de Vigo, e que non a esquecen.

Antía Cal dedicou o seu discurso de agradecemento ao seu compañeiro de toda a vida, Antón Beiras García, oftalmólogo ilustre, que faleceu no ano 1968, membro dos Mocidades Galeguistas, quen orientou a vida da profesora de xeito especial e participou con ela nas empresas que acometeron. O libro de memorias de Antía Cal que publicou Galaxia (2007), "Este camiño que fixemos xuntos", dá conta da súa relación con Antón Beiras e o que o médico e intelectual galeguista significou na súa vida.

Antía Cal dedicou o seu discurso tamén aos ensinantes: o valor dos profesores e profesoras na construción da sociedade moderna, unha Galicia máis civil, aberta e democrática, cunha defensa da dignidade da lingua galega. "Non podemos consentir un país de analfabetos!". O profesor Xesús Alonso Montero foi o encargado na laudatio, que se recolle no libro "Sementar no futuro", editado pola Fundación Otero Pedrayo. Como é tradicional, presidiu o acto o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, que é presidente de Honra da Fundación.

Compartir na redes sociais: