Faleceu en Buenos Aires o pintor Manuel Cordeiro

Categoría: Nova

Ás 18 horas, horario arxentino, do xoves día 10 de maio faleceu no hospital do Centro Galego de Buenos Aires o pintor Manuel Cordeiro Monteagudo. Era o derradeiro supervivinte da xeración que participou no Primeiro Congreso da Emigración Galega (Buenos Aires, 1956). Nacera na Coruña en 1927; formouse con Vales Villamarín e chegou emigrante ás beiras do Río da Prata en 1952, incorporándose activamente dende o primeiro momento ás Mocedades Galeguistas e ás iniciativas societarias de alén mar. Compañeiro de Maruxa Boga, Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor, Laxeiro nos seus anos argentinos, Xosé Neira Vila e Anisia Miranda, Antonio Pérez Prado…

Ata o final se mantivo activo, participando en canto novo pulo xurdía naqueles pagos arredor da cultura galega. Colaborador activo do Instituto Arxentino Apostol Santiago, participou tamén nos traballos da agrupación Xeito Novo, unha das agrupacións máis activas de música e investigación na comunidade galega de alén mar.

Compartir na redes sociais: