Falece o destacado galeguista Agustín Sixto Seco

Categoría: Nova

A capela ardente está instalada na igrexa de San Domingos de Bonaval. Mañá venres celebrarase o funeral na igrexa de San Francisco, en Santiago de Compostela, para logo ser soterrado no cemiterio de Boisaca. Tralo seu pasamento, numerosos representantes da cultura e da sociedade galega expresaron o seu pesar polo pasamento do intelectual galeguista.

Ademais do seu destacado labor no campo da medicina, polo que recibiu varios galardóns e recoñecementos, dende moi novo aparece vencellado iniciativas xurdidas a partir da década de 1950 para promover a cultura galega. Foi conselleiro de Editorial Galaxia dende 1954 e colaborou con persoeiros como Fernández del Riego, García-Sabell e Otero Pedrayo, entre outros.

Agustín Sixto Seco dirixiu a editorial Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT). En 1976 participou na fundación do Museo do Pobo Galego, e foi membro da Real Academia Galega. Desenvolveu diferentes cargos en varias fundacións: Penzol, Castelao, Alfredo Brañas e Camilo José Cela. Nos últimos anos, o seu empeño centrouse na Fundación Otero Pedrayo, da que foi presidente entre 1979 e 2004, e no Padroado Rosalía de Castro, que presidiu dende 1970. En 1983 foi o primeiro secretario do Consello da Cultura Galega.

Sixto Seco tivo unha estreita relación cos medios de comunicación, cos que colaborou con frecuencia. Escribiu numerosos artigos de opinión, principalmente en El Correo Gallego. Unha selección destes artigos foron recollidos no libro Entre portas (1997). Ademais é autor de varios textos sobre a súa especialidade médica. Entre os recoñecementos que recibiu en vida, destaca a Medalla de Prata de Galicia, que se lle concedeu en 1996.

Compartir na redes sociais: