Falece Alfonso Zulueta, integridade e compromiso galeguista

Categoría: Nova

Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-Vigo, 2017) faleceu na tarde de onte despois dunha vida de entrega xenerosa. Notario de profesión e galeguista de corazón, un home que durante a súa longa vida militou na defensa da lingua e da cultura galegas. Asumiu responsabilidades nas editoriais Sept e Galaxia, desta última foi vicepresidente. As súas actividades públicas tamén abrangueron a presidencia do Consello da Cultura (2002-2006) e a da Fundación Penzol ata decembro de 2016 cando pasou a ser presidente de honra.
Participou na política activa dentro do Partido Galeguista e na fundación do Partido Galego Socialdemócrata, foi o primeiro presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e, quizais, do que se sentía máis orgulloso era de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego.
Fóra do ámbito galeguista, a súa preocupación sempre foron os máis débiles. Cando era notario en Gaucín (Málaga) creou un padroado para combater o analfabetismo e xa en Galicia foi fundador da Asociación Juan XXIII, exemplo de dedicación á formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual e, máis recentemente, constitúe en Vigo a Fundación Sálvora, para a tutela destas persoas.

Compartir na redes sociais: