Faladoiro arredor da presentación de GRIAL 198

Categoría: Nova

Afrontaremos a situación. Pero nada volverá ser como antes. Naturalmente, tampouco para Galicia e a cultura galega, que non é unha illa nin está soa no mundo. A globalización é unha realidade histórica e non existen solucións locais, nin a luz da saída do túnel se albisca próxima.
Ramón Villares, Xosé Carlos Arias e Víctor F. Freixanes encabezaron na Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol, Vigo) un coloquio no que participaron economistas, xornalistas, xente da cultura e público interesado.
O número 198 de GRIAL, coordinado polo catedrático Xosé Carlos Arias, está a ter unha desposta por riba do común. Inclúe ensaios de Josep Ramoneda, Antonio Torrero Mañas, José Francisco Teixeira, Antón Costa e Ramón Villares. Cinco ensaios arredor dun momento histórico que, como se salientou no coloquio, ten dimensións globais e consecuencias moi diversas: económicas, políticas, morais, filosóficas, culturais, institucionais…
"Hai dúas maneiras de afrontar o problema", comentou o profesor Villares nun momento da súa intervención, "ou o que fai moita xente, que é esperar a ver cando escampa, ou plantearse seriamente que o futuro ten que ser doutra maneira e empezar a deseñar, xa que logo, fórmulas, iniciativas e actuacións que nos sitúen nun escenario que vai ser radicalmente distinto. Como sucedeu noutros momentos da historia".
Xosé Carlos Arias, cordenador do número, lembrou que, cando a crise do 29, os responsables políticos e financieros teimaban na posibilidade de recuperar o modelo anterior, "o do ano 1913, e trabucábanse, porque volver atrás e pensar que se poden reproducir as condicións ou situacións anteriores nunca é posible".
O catedrático da Universidade de Vigo subiluñou as fraquezas con que a sociedade galega afronta esta realidade, aínda que, en palabras do director de GRIAl, Víctor F. Freixanes, nos momentos difíciles coma o presente tamén é cando se pon a proba a capacidade de resposta do grupo social e, por tanto, a vitalidade dunha cultura e da xente que a protagoniza.

Compartir na redes sociais: