Exposición-Homenaxe a Xohán Ledo

Categoría: Nova

Co patrocinio da Consellaría de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, o Xacobeo e o Ministerio de Cultura, e mais coa colaboración do Concello de Vigo (Concellería de Cultura) e a Fundación Caixa Galicia, presentamos a vida e a obra dun dos grandes creadores da edición despois da guerra civil, moi principalmente dende os primeiros anos 50 ata mediada a década dos 80.

Ricardo García Suárez (Xohán Ledo) foi o principal ilustrador e deseñador dos libros da Editorial Galaxia e a revista GRIAL dende 1951 ata 1983, data na que toman o relevo os novos deseñadores: Manuel Janeiro e Francisco Mantecón. Máis de 30 anos creando libros e imaxes, nun esforzo xeneroso que encheu de orixinalidade e marcou cunha rexa personalidade a edición galega. Luis Seoane dende o exilio arxentino e Xohán Ledo dende os obradoiros de Galaxia foron os principais motores da imaxe gráfica do libro galego durante eses anos.

No Museo Quiñones de León, o visitante pode contemplar un aspecto moi pouco coñecido do artista: a súa obra pictórica. Óleos e lenzos, deseños e apuntes gráficos que Xohán Ledo só expuso en dúas ocasións durante a súa longa vida (1917-2006). Asemade, dedícase unha sala específica á edición ("As caras do libro") con diversas mostras da produción do creador neste eido específico, e outra a aspectos biográficos e de contexto histórico. O conxunto foi ordenado artisticamente por Fausto Isorna.

Completan as actividades desta exposición unha serie de mesas redondas cuxo calendario os interesados poden consultar nesta mesma Web. A revista GRIAL dedicou o pasado Nadal un Caderno Especial á figura e a obra de Ricardo García Suárez, Xohán Ledo, no que colaboran entre outros os seus compañeiros de xeración: Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, e deseñadores gráficos da Galicia de hoxe como Xosé Díaz, Manuel Janeiro, Uqui Permui ou o propio Fausto Isorna.

Compartir na redes sociais: