Estrea de Na butaca no Día Mundial do Alzheimer

Categoría: Nova

Mañá, xoves 21 de setembro, Día Mundial do Alzheimer, estréase no Teatro Principal de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 21), Na butaca un longo monólogo tetral escrito e dirixido por Esther Carrodeguas, á fronte da compañía Butaca Zero, e protagonizado pola actriz Pepa Barreiro. Na obra abórdase o tema do esquezo como doenza dun xeito poético e optimista, amosando unha realidade que se move da paz á angustia, da felicidad á rabia, e do cómico ao escatolóxico, buscando sempre o trascendente. Pero ademais, asistindo á estrea, estarás a colaborar con AGADEA (Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer), con base en Compostela.
E por suposto, Galaxia non quixo perder a oportunidade de sumarse á causa, e ademais de editar a peza extraordinaria de Esther Carrodeguas, un texto dinámico que xoga coa páxina como soporte artístico, destinará o 20% dos beneficios dos libros á venda, na estrea e nas vindeiras funcións, a AGADEA ou a FAGAL (Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias).
Colabora connosco neste proxecto para a normalización da doenza do Alzheimer, xuntos, dende a butaca, podemos construír un lugar con menos barreiras.

Compartir na redes sociais: