Un deles refírese á produción da Editorial Galaxia. Segundo a "Panorámica de la Edición Española", esta editora publicou 66 novidades editoriais (rexistros de ISBN) no ano 2005. Os nosos datos de edición, cos seus correspondentes novos rexistros de ISBN, suman nese mesmo periodo 93 títulos (sen contar reimpresións), aos que cómpre engadir as 5 entregas anuais da revista GRIAL (ISSN), o Anuario de Estudos Literarios e as publicacións da Fundación Otero Pedrayo, aínda que estas non figuren como Editorial Galaxia.
Máis chocante resulta que, se consultamos na Web a Base de Datos de ISBN e preguntamos pola produción de Editorial Galaxia, saen 91 títulos para ese mesmo ano 2005, non os 66 que recolle a "Panorámica de la Edición Española".
Non é o único caso, tanto no que se refire a publicacións institucionais ou de carácter público como a edición privada, cando menos no tocante á edición galega. As inexactitudes ou retrasos da xestión de ISBN, que logo se reflecten na "Panorámica de la Edición Esopañola" e que serven de referencia para moitos estudos no sector, fan pouco fiables os datos sobre os que analizar e facer seguimento da industria editorial e volven traer ao primeiro plano a necesidade dunha Axencia Galega de ISBN.
Segundo a "Panorámica de la Edición Española", no ano 2005 emitíronse 76.265 rexistros de ISBN no conxunto do Estado (en todas as lenguas), algo menos que no ano anterior (77.367 rexistros). A edición en lingua galega sumou 1.826 rexistros de ISBN, fronte a 1.849 do ano 2004.
Tamén minguou, sempre segundo esta fonte, a edición en éuscaro: de 1.831 rexistros no 2004 a 1.731 no ano 2005. En catalán, pola contra, a produción aumentou de 7.,781 rexistros de ISBN no ano 2004 a 8.577 no ano seguinte.
Outra fonte para seguir o sector son os informes da federación do Gremio de Editores de España, que se concretan nos estudos anuais de "Comercio Interior del Libro". Refírese básicamente á edición das empresas editoriais privadas e asociadas (AGE). Segundo esta fonte a produción de títulos en lingua galega aumentou: de 1.547 novidades no ano 2004 pasou a 1.706 no ano 2005.