Galaxia foi distinguida na categoría de Promoción da Cultura co galardón 'Vigueses na Onda 2011' que premia en distintos ámbitos ás persoas e institucións da cidade olívica (onde a nosa editorial ten a súa sede) polo seu traballo sostido a prol da cultura, das artes, da empresa, do deporte…
O Salón Principal do Hotel Pazo Los Escudos encheuse onte para arropar aos candidatos nas dez categorías dos Premios Bardos, "Vigueses na Onda 2011". A gala, conducida polos xornalistas de Onda Cero Vigo, Raquel Sánchez e Víctor Blanco, estivo marcada polo bo ambiente e os nervios dos nominados, posto que non se soubo a identidade dos premiados ata que os propios traballadores da radio viguesa abriron a sobre verde.
No seu discurso de benvida, o director da emisora na cidade olívica, Miguel Nóvoa, agradeceu ao público a súa presenza, a pesar do mal tempo e do inicio da campaña eleitoral; quixo agradecer tamén aos oíntes de Onda Cero Vigo a súa participación e, por supusto, a súa confianza nunha radio que acaba de cumprir 20 anos nas ondas; e, por último, agradeceu tamén aos que cada día fan posible a radio local: redactores, comerciais, técnicos e administrativos.
Galaxia recibiu o premio á promoción cultural. Na acta do xurado destacouse o seguinte:
'Dende que homes como Otero Pedrayo, Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro fundaron, xunto con outros comprometidos defensores do galeguismo e a liberdade, a Editorial Galaxia mantén un forte compromiso coa Cultura con maiúsculas. Máis de 2.000 volumes editados dende aquel 25 de xullo de 1950. Referencia indiscutible antes, agora, e confiamos que no futuro, da literatura galega e da lectura na nosa lingua das grandes obras universais".
Recolleu o premio Antón Vidal Andión, membro do Consello de Administración da Editorial Galaxia.
Nesta segunda edición, o resto dos galardonados foron:
Música/teatro/cine: Disco 'Nadadora', do grupo Quinteto.
Acción Social: Antón Bouzas
Empresa e Innovación: Universidade de Vigo/Campus do Mar
Deportes: Iveco Universidade de Vigo Rugby
Promoción Turística: Autoridade Portuaria de Vigo
Medioambiente: Colectivo Ecoloxista Amigos da Terra
Sanidade: Unidade de Mama do Complexo Hospitalario- Universitario de Vigo
Política: Lucía Molares
Comunicación: Xosé María Palmeiro
Radio: Paco Sarria