Editorial Galaxia publica 'O caderno de Ánxela'

Categoría: Nova

Estes días chega ás librerías de todo o país, na súa versión galega, o libro de Raquel Ricart Leal, 'O caderno de Ánxela', volume que vén de entrar na Lista White Ravens que recoñece os mellores libros do mundo dos publicados en todas as linguas durante o ano.
A historia lévanos á vida dunha rapaza adoptada de orixe chinesa quen, polo seu aniversario, vai recibir un caderno como agasallo. A través das súas anotacións iremos asistindo á súa vida, pero tamén ás súas reflexións sobre o difícil que é ás veces vivir, relacionarse coa familia, integrarse nun mundo que pode ser estraño…
Raquel Ricart Leal naceu en Bétera (Valencia), en 1962, deuse a coñecer literariamente ao gañar un accésit dos premios Malvarrosa en 1980. Colaborou en moitas revistas literarias e cultivou tamén o teatro, a novela negra, o relato xuvenil… Con "O caderno de Ánxela" gañou o V Premio Vila de Paterna, un máis dos moitos premios literarios que atesoura. Esta é a súa primeira obra traducida ao galego.

Compartir na redes sociais: