Editorial Galaxia presenta "O goberno do mundo"

Categoría: Nova

Editorial Galaxia e a Fundación Carlos Casares queren poñer a disposición dos lectores as palabras pronunciadas nos II Encontros de Mondariz-Balneario, que tiveron lugar en setembro do ano 2004. A finalidade destes encontros é a de reunir xentes de distintas procedencias ideolóxicas e profesionais para discutir temas políticos e culturais de transcendencia internacional, nun ambiente que fuxa por igual da urxencia do xornalismo e do especialismo propio dos congresos universitarios. O éxito dos I Encontros, no ano 2003, que tiveron como eixo o debate sobre Culturas, civilizacións e sociedade global (Editorial Galaxia-Fundación Carlos Casares, 2005), permitía encarar a organización dos II Encontros con optimismo. O título elixido para esta ocasión, O goberno do mundo: presente e perspectivas do Estado nacional, pretendía ser un estímulo para debater a saúde do Estado moderno, invento crucial na historia da humanidade, que hoxe semella seriamente ameazado ou, cando menos, en transo de redefinición.

Recóllense neste volume as intervencións de Emilio Lamo de Espinosa, Xavier Rubert de Ventós, Ramón Máiz, John Keane e Danilo Zolo, así como o máis substancial dos debates que esas intervencións xeraron entre o público asistente. Desde o futuro do Estado-nación ata a súa relación coa noción de imperio, o libro ábrese ao dialogo como xeito de introducirse nun dos problemas fundamentais do mundo contemporáneo.

Os IV Encontros de Mondariz-Balneario, que este ano levan por título Diálogo de Culturas. Alianza de Civilizacións, terán lugar os días 19, 20 e 21 de setembro no Hotel Balneario de Mondariz. Os encontros consisten en cinco foros de debate e unha conferencia pública. Os relatores e conferenciantes nesta cuarta edición serán Fernando Vallespín, Antonio Elorza, Tariq Ramadan, Nadia Yassine, Ghita El Khayat e un alto representante político enviado pola Presidencia do Goberno de España. Como xa ocorreu nas anteriores edicións, a relación de participantes completarase con cualificados representantes do mundo político, cultural, social, empresarial e universitario de Galicia.

Compartir na redes sociais: