Editorial Galaxia edita en galego ao mesmo tempo que se publica en Europa "Cruceiro de verán".

Categoría: Nova

Unha das noticias literarias do ano, a nivel mundial, é o achado e publicación dunha novela inédita de Truman Capote titulada Cruceiro de verán.

Escrita en 1943, o autor norteaméricano traballaría nela durante unha década para, finalmente, deixala rematada pero sen chegar a publicala nunca.

Galaxia editaa agora, poucos mese despois de que aparecera a versión en inglés, e ao mesmo tempo que se publica en toda Europa.

No ano 1966, Truman Capote, logo do grandísimo éxito de In Cold Blood, abandona o seu piso nun soto de Brooklyn, deixando nel unha caixa con diversos papeis, que o porteiro do piso rescata do lixo e conserva ata súa morte.

No outono do 2004, esa caixa é depósitada na casa de poxas de Sotheby´s para venderen o seu contido, descobréndose que nela hai varios cadernos co manuscrito dunha novela inédita titulada Cruceiro de verán.

Esta é unha novela precoz, probablemente a primeira novela escrita por Capote, na que amosa un estilo brillante, de metáforas refulxentes, e un instinto narrativo inigualable.
O dominio da frase, a ironía, a súa capacidade para describir sutilmente os matices das relacións humanas, fan desta novela un tesouro literario, antecedente dos seus grandes triunfos como escritor.

Compartir na redes sociais: