Editorial Galaxia, en colaboración con Fol Música, selo galego da produtora Boa Música, unha das empresas líderes de distribución das producións musicais, presenta nesta próxima edición do Liber (Madrid, 2013) "Sueños del Gatipedro", unha liña de produción e distribución cara ao mercado exterior pensada principalmente para os públicos máis novos (rapaces e rapazas, nenos e nenas) de alén de Galicia.
"Sueños del Gatipedro" preséntase en Madrid o próximo día 2, 3 e 4 de outubro con dous productos: "Deveribés", unha selección dos grandes temas de Mamá Cabra pensados e reelaborados para nenos e nenas de fóra de Galicia, e "La niña y el grillo en un barquito" de Magín Blanco.
A filosofía desta nova liña de traballo, concretada no noso lema LIBROS QUE SUENAN PARA NIÑOS QUE SUEÑAN reafírmase na necesidade de colaboración entre empresas de características diversas para dotar de valor engadido aos produtos finais, con vistas á proxección exterior dos creadores galegos. Proximamente darase a coñecer a colección Mar Maior, unha editorial dentro da editorial, que incorpora nos seus catálogos a obra en castelán de Eduardo Blanco Amor ou Álvaro Cunqueiro, Wenceslao Fernández Flórez, Concepción Arenal, Julio Camba, Emilia Pardo Bazán, as novelas de Rosalía de Castro, etc.
"Sueños del Gatipedro" (Editorial Galaxia e Fol Música) vai dirixido aos públicos da xente máis nova: libros-música, cancións e caraoques, para o mercado español e global e reforzado cunha páxina web propia (www.gatipedro.com) que estará operativa a vindeira semana, canle de televisión en youtube e presenza en redes sociais.
Con esta intención Fol Música-Boa Música e Editorial Galaxia, ambas as dúas empresas de titularidade galega, aínda que a primeira con sede en Madrid, alíanse para potenciar non só productos analóxicos, libros-CDs, álbumes ilustrados con forte presenza audiovisual, concertos.., mais tamén producións dixitais e electrónicas para distribuir comercialmente a través da Rede.
En palabras dos responsables das dúas casas editoras:
"Queremos poñer a disposición dos mercados globais productos multidisciplinares e multisoporte dirixidos ao público infantil. Sempre partindo dunha premisa innegociable: alta calidade do resultado final e alto nivel de esixencia artística e mesmo pedagóxica. Libros, discos, audiovisuales que sirvan para pasalo ben. Pero que teñan un aquel senlleiro, de excelencia".