Unha representación da edición galega, na que se encontraba Galaxia, presentan á dirección da Feira a posibilidade dunha Semana da Cultura Galega no 2010. A directora da Feira do Libro, Marta Díaz, filla de emigrantes de Baralla (Lugo), acolleu moi ben a iniciativa dos editores galegos, que consiste en ampliar a presenza da industria editorial galega na Feira do Libro de Buenos Aires nunha proposta cultural máis ambiciosa para o ano 2010. Ese ano é o bicentenario da independencia da Arxentina e están programados importantes eventos conmemorativos en relación coa construción da república americana. Os galegos forman parte desa identidade común, xunto cos italianos, os xudeos e outras culturas. "Falar de Galicia é falar tamén da Arxentina", recoñeceu a directora da Feira, que leva catorce anos á fronte desta institución, o acontecemento cultural máis importante do ano na capital do Plata.
Máis de un millón de visitantes, 1.200 expositores (entre directos e indirectos), 45.000 metros cadrados de instalacións… A Feira de Buenos Aires é, xunto coa de Guadalajara en México, o gran evento cultural do libro na América Latina. Este ano, por primeira vez, dedica un día a Galicia. A intención é que no 2010, que será tamén o ano de Luis Seoane (centenario do seu nacemento en Buenos Aires), poida ser a Semana de Galicia e da Cultura Galega non só na feira, senón na cidade, como proxección de todo o país. Así o propoñen os editores.
A representación que visitou a Marta Díaz estivo composta polo presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso Sanmartín; a secretaria técnica da AGE, Luz Picos; o historiador Rui Farías e mais o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.