Nun teatro ateigado de xente, o escritor Xesús Constela Doce recibía o premio de novela Manuel García Barros de mans dos representantes de todas as entidades implicadas no premio: concello da Estrada, secretaría xeral de política lingüística e Editorial Galaxia.
O alcalde da Estrada, José Antonio Martínez Dono, celebrou a novela gañadora así como o feito de que levase xa vinte anos convocándose este premio en homenaxe a Ken Keirades, "convertindo á Estrada na capital, esta noite, das letras de Galicia". Por outra banda, Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística aproveitou para lembrar a necesidade dos premios para visualizar aos nosos autores ao tempo que sinalou a boa saúde da nosa literatura, crecendo ano tras ano en calidade e cantidade. Finalmente, o director xeral da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, ofreceu na súa intervención algúns datos referentes á historia recente da nosa literatura, que medrou máis nos derradeiros vinte e cinco anos que en toda a nosa historia anterior para, lembrando a nómina de galardoados das dezanove edicións anteriores, significar que a historia da literatura contemporánea non se entende sen o premio de novela García Barros.
O último en intervir foi un emocionado Xesús Constela Doce quen explicou que a novela naceu tras el facerse a pregunta "¿que pasaría se mesturáramos a xenebra coa obra completa de Shakespeare?. O resultado é un longo monólogo que xoga a desmitificar a propia literatura e onde, segundo as propias palabras do autor, non se quixo "renunciar ao humor". Na súa divertida intervención aproveitou para, en efecto, amosar unha botella de xenebra e un volume coa obra completa do autor inglés. Tivo especiais recoñecementos para a súa familia e recoñeceu que, a pesar de traer un texto preparado, a ledicia do momento pedíalle deixarse levar pola emoción.
Rematado o acto, e como xa é tradicional, celebrouse unha tertulia literaria, neste caso na Casa de Turismo Rural O Palomar de Codeseda, na que tomaron parte, entre outros, algúns dos escritores merecentes deste premio en anos anteriores, así como outros escritores convidados. Conducidos polo director editorial de Galaxia, Carlos Lema, o debate xirou arredor dun dos temas centrais da novela de Xesús Constela Doce, "A escritura como traballo". As folerpas da madrugada serviron de marco para reflexionar arredor da literatura galega, a visibilidade dos escritores, o traballo literario e as súas angueiras…
Un ano máis, unha xornada de palabras, ledicia e, dalgunha maneira, tamén de amizade literaria arredor da familia, a cada día máis longa, do premio García Barros.