A obra Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950, da que é autor o sociólogo Manuel Pérez Rúa, foi gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2009, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa e o Centro Ramón Piñeiro.
A xeración de 1950 viviu o primeiro cuarto de século no franquismo e o resto en democracia, atravesando biograficamente procesos como a desagrarización e industrialización, as migracións exteriores e interiores, a urbanización intensiva, o cambio político, a incorporación social e laboral da muller, o Estado das autonomías e a integración económica, social e política en Europa. Enmarcadas en datos sociolóxicos para comprender a magnitude e o contexto das transformacións, Domingos de calcetíns brancos analiza o cambio social que supuxo a mudanza dunha cultura autoritaria, centralista, relixiosa e paternalista a outra democrática e autonómica.
As voces de trinta e un protagonistas xeracionais do cambio social, recollidas e analizadas por Manuel Pérez Rúa, interpretan os cambios dende unha cultura da austeridade ao hedonismo, da produción ao consumo, da pobreza ás clases medias, do sentido do deber á cultura do inmediato, da auga da fonte á clorada, da roupa de costureira ao prêt-à-porter, do peixe fresco ao conxelado, do galego ao castelán, do crucifixo ao agnosticismo, da casa ao piso, de comer de todo aos alimentos light.
As vivencias xeracionais son individuais pero tamén, como demostra este libro, socialmente similares, dándose unha convivencia de factores socioculturais que proviñan do Antigo Réxime e unha incipiente modernización que a partir de 1959 vai dar lugar ao maior cambio social do século XX en canto a demografía, economía, urbanismo, emprego, etc.