Día Internacional da Lingua Materna

Categoría: Nova

Hoxe é o Día Internacional da Lingua Materna. Todos temos unha lingua de nós. O xénero humano, diverso como todo na natureza, soubo facer agromar das súas necesidades comunicativas un xeito de lle chamar as cousas, de se referir a elas, de cantar a beleza. En Galicia esa lingua é o galego. A nosa lingua propia. A lingua de Nós.
Hoxe, ameazada a fala propia, rota a transmisión xeracional de pais e nais a fillos e fillas, que é a base da supervivencia lingüística, dicimos con máis forza ca nunca galego, galego, galego, galego. Se renunciamos a lingua propia estamos renunciando a que sega latindo o corazón, a que continúe a vida que nos deu a historia, o noso ADN máis forte, a nosa capacidade para nomear a vida dunha maneira singular. Se renunciamos a lingua galega, estaremos caendo na peor das traizóns: a que nos leva a deixar de ser nós por noxo, por prexuízo, por ignorancia, por fastío, por costume.
No Día da Lingua Materna non podemos lanzar grandes discursos. Podemos seguir falando, cantando, soñando, escribindo, debatendo, amando, en galego.

Compartir na redes sociais: