Día Europeo das Linguas

Categoría: Nova

O sábado celébrase o Día Europeo das Linguas. Por iso dicimos, agora máis que nunca, Nós. E non para un só día. Dicimos lingua galega, idioma de Galicia, galego, fala nosa, todos os días e a todas as horas e en todas as circunstancias. Galego. Lingua. Terra. Nós.
Lingua nosa que partilla co mundo dende hai séculos, en loita permanente por ser e que lle deixen ser. Lingua de nós, dos que estamos aquí e dos que souberon conservala alén mar, ou dentro dos corazóns cando os tempos foron escuros.
O Día Europeo das Linguas ten que servir para relembrar, incluso a moitos dos nosos veciños, que o galego tamén é unha lingua europea. Única, singular, e, sobre todo, propia. Unha lingua coa que dicimos palabras de amor e de liberdade, coas que explicamos o mundo, coas que contamos contos aos pequechos, coa que rifamos, tamén, se hai que rifar. Lingua que vale para todo e que non limita. Lingua de poetas e de xentes do común. Túa e miña. Nosa.
Lingua.
Sempre.
Que ninguén o esqueza.

Compartir na redes sociais: