Día do Libro Infantil e Xuvenil

Categoría: Nova

Hoxe celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, e xa que logo, é unha xornada máis que perfecta para recordar o importante que é centrar os esforzos na promoción da lectura para engaiolar aos pequechos e pequechas da casa no hábito lector.
Para iso, é esencial que as editoriais, así como os mediadores, os medios de comunicación, e, sobre todo, as familias, colaboren para impulsar o establecemento deste hábito, sen dúbida, unha das mellores herdanzas que podemos deixar ás nosas crianzas.
Consorte con esta filosofía, na Editorial Galaxia tentamos promover publicacións que, ademais de se mover nos eidos da boa literatura, servan tamén, desde o coidado deseño e a ilustración traballada, para ese labor de seducción do que estamos a falar.
Recemente, vimos de publicar textos para profundar nesa liña.
Así, en Árbore 8 anos veñen de saír do prelo dúas publicacións ben interesantes. Por unha banda, "Falou un queixo" de Heidi Kühn-Bode (ilustrado por ela mesma) un libro para abrir (moito) a boca, para comelo dun bocado e, sobre todo, para rir ás gargalladas. E na mesma colección, o poeta Rafa Villar, coa axuda da ilustradora Kristina Sabaite, entréganos "Acuarelas", un libro de poesía infantil (un xénero moi pouco traballado na LIX galega pero moi necesario), un libro que pinta a cor das palabras e que enche os mares dehistorias. Para contar, para cantar e para pintar acuarelas de poesía.
Na mesma colección, pero para o chanzo dos 10 anos, a escritora e tamén editora Rosa Serrano tira do prelo "Ensalada de bruxas" (ilustrado por Andrea López), un libro que vén sendo iso, unha ensalada en forma de libro, cheo, cheíño de bruxas.
Para os máis cativos e cativas, a Editorial Galaxia vén de publicar outros cinco novos títulos da xa mítica colección Tartaruga. Yolanda Castaño publica "Cando eu saiba ler" (ilustracións de Xosé Tomás) poema longo que xoga coa importancia das letras e da súa aprendizaxe; Fina Casalderrey move á reflexión dos pequenos lectores con "Papá é meu!", un libro ilustrado por Irene Fra, sobre eses pequenos ciumes que ás veces atacan aos irmáns; Carlos Fontes debuta na poesía para nenas e nenos con "Poemas con piruleta", un mollo de poemas fermosísimos (e fermosisimamente ilustrados por Leandro Lamas) para aprender os días da semana, os meses do ano, as letras…;debut tamén para Beatriz Fraga Cameán, co divertidísimo "Marcelo o morcego" que ilustra Alfonso da Silva, a historia dun morcego que ama máis os grelos que comer mosquitos; finalmente, Eva Lozano Carpente toca tamén os eidos poéticos cunha lírica historia arredor do riso, as letras e a amizade en "O peto da risa", ilustrado por María Noel Toledo.
Por libros non vai ser.
Agora tócanos, a nós, seducilos, para sempre, para a lectura.

Compartir na redes sociais: