Daniel Asorey responde nunha entrevista en Praza Pública ás preguntas da xornalista Montse Dopico despois da súa lectura atenta. Nordeste obtivo o Premio Narrativa Breve Repsol 2016 cunha historia sobre un estado independente xurdido despois da revolta irmandiña. “Unha ucronía que imaxina un pasado distinto a unha realidade “subalterna e silenciada” como a galega. Mais sen idealizacións. E rompendo, malia que se cadra non o pretenda, uns cantos mitos”, engade Dopico.
Que acontecería se gañasen os irmandiños? Ese é o punto de partida de Nordeste que pretende “darlles voz aos que non tiveron nin teñen voz, entre eles, por suposto, a miña nación, unha matria que leva vivindo séculos silenciada nunha situación de subalteridade. Para iso inventei a República das Santas Irmandades da Galiza, unha terra que cando comeza a novela semella ser o que moitas e moitos quixeramos que tivese acontecido. Unha República próspera nacida dunha revolta, que existiu, contra os señores feudais, e que aquí, na novela, triunfou. Mais eu non pretendía facer unha utopía, non quería contar un conto de fadas”, explica Asorey.
Unha interesante entrevista na que expón parte do proceso creativo e de documentación, pero tamén na que conta que a súa afección pola escrita venlle dende cativo por necesidade de expresarse, por vencer unha realidade que por veces é abafante. Tamén dos medos que tiña por publicar, por non estar nunca convencido do resultado final, algo que queda superado con este recoñecemento. “eu para escribir unha novela preciso un tempo continuado que ao traballar resulta difícil de atopar. Penso que escribir ha ser semellante a ser unha tecelá que debe ir devagar, ao xeito. Na cabeza hai unha idea e tes que atopar e unir os fíos para construíres eses mundos novos. Nese sentido, o premio Repsol supón unha axuda, un ánimo grande e aporta unha certa confianza nun mesmo”.
Podedes ler a entrevista completa aquí.