Na noite do pasado martes e no día de onte, foron numerosísimas as mostras de cariño, respecto e fondo pesar que se puideron ler nas redes polo pasamento de Xohana Torres, figura central das nosas letras. Tamén dende a prensa tradicional chegaron numerosas aportacións que tentaban dar conta do carácter universal da escritora e dos seus fortes lazos con todos os axentes da cultura galega. Así, Daniel Salgado publicaba unha reportaxe na edición dixital do Sermos Galiza, baixo o título de “As fillas de Penélope”, na que reflectía a influencia de Xohana Torres nas últimas promocións poéticas, dende os 80 e os 90 ata a actualidade. De recoller as mostras de cariño demostrado nas redes, encargábase Ana G. Liste para o Faro de Vigo, “Temos os teus libros”, era o titular escollido. Compañeiro de xeración, Méndez Ferrín declaraba nas páxinas deste mesmo xornal: “Era a miña amiga, nosa compañeira, camarada e poeta importantísima da miña xeración; estou moi triste. […] Xohana Torres ten unha presenza de liderado”; mentres que a poeta Marta Dacosta sinalaba “O teu “Penélope” acabou sendo bandeira do tempo da poesía en feminino. E compartimos xeración, a xeración das mulleres que, desde entón, falamos coa nosa propia voz. Porque nosoutras que te lemos, sentimos que non nos afasta nin a idade, nin o espazo, que compartimos a camaradería das palabras e as arelas, que chegou o tempo de rachar os velos e mostrarnos”. E tamén da man do Faro soubemos onte da pequena homenaxe civil que parte das institucións ás que estaba vencellada Xohana Torres, especialmente a RAG, máis tamén esta editorial, lle quixeron render ás portas do tanatorio no que se despedía á autora. Mentres, noutros medios estatais, ofrecíanse perfís da vida e obra de Torres, de agora en diante xa inmorrente na imaxinación dos seus lectores.