O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e o delegado de Gas Natural Fenosa en Galicia, Luis Díaz, presentaron onte a undécima edición do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este certame, en memoria do ilustre galeguista, escritor e filósofo Ramón Piñeiro López, pretende contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega, un xénero que o intelectual de Láncara cultivou e ao que fixo importantes contribucións. Neste sentido, o premio, acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria profesional coa intención de impulsar formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e o debate e a reflexión sobre temas do momento actual.
O ensaio, unha vía de cultivo para o galego especializado
Durante a súa intervención, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu en que o "ensaio constitúe un dos xéneros da produción escrita en galego que máis apoio necesita". En consecuencia, "o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro pretende ser unha contribución ao desenvolvemento deste xénero, que ten un papel importante no desenvolvemento do galego especializado", afirmou o secretario xeral.
No acto de presentación das bases da convocatoria, que tivo lugar na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, tamén participaron o coordinador deste servizo de investigación da secretaría xeral, Manuel González, así como os gañadores do premio nas edicións de 2009 e 2010, Manuel Pérez Rúa e Ramón Máiz, respectivamente.
Bases da convocatoria
O tema dos ensaios que poden optar a este certame, que deben ser inéditos e estar escritos en galego, é libre, malia que os traballos, na medida do posible, deben evitar enfoques propios da investigación especializada ou un excesivo carácter académico.
O XI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que convocan a Secretaría Xeral de Política Lingüística –a través do Centro Ramón Piñeiro–, Gas Natural está dotado con 6.000 euros. Ademais, a obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección "Ensaio". As persoas interesadas en participar no certame poden presentar os seus orixinais ata o próximo 31 de outubro. Será a finais deste ano, no mes de decembro, cando se faga público o fallo do xurado.
Presentación da obra gañadora na edición de 2009
No acto no que se informou das bases da convocatoria deste ano tamén tivo lugar a presentación da publicación da obra gañadora da edición de 2009, 'Domingos de calcetíns brancos. Retrato social da xeración dos 50', do sociólogo Manuel Pérez Rúa. Este traballo analiza o cambio social que supuxo o paso do franquismo á democracia a través das voces de 31 membros da xeración de 1950. Trátase, polo tanto, dun ensaio a base de testemuños reais daquela xeración.