Conversas con Rogelio Groba

Categoría: Nova

Neste mes de novembro, Editorial Galaxia publicará un libro de conversas co compositor e director de orquestra Rogelio Groba, que acaba de obter o Premio Cultura Galega de Música. O libro, titulado 'Diabolus in musica', do que é autor Manrique Fernández, inclúe un CD cunha selección ampla e variada de pezas musicais feita polo mestre Groba.

Rogelio Groba é instrumentista, director, pedagogo, investigador, e, sobre todo, compositor. O seu incansable traballo entre as liñas do pentagrama deixou un froito innegable, a súa versatilidade compositiva levouno a crear un catálogo que sobrepasa os seiscentos títulos. Óperas, sinfonías, un réquiem, cantatas, oratorios, obra para piano… 'Diabolus in musica' é un libro de conversas que repasa a súa vida, os seus afáns como músico, a súa visión do mundo e da cultura. A función da música na sociedade, a figura do director de orquestra, a educación musical, a súa estadía en Suíza e a relación do compositor coa súa Terra.

Manrique Fernández (Sistallo, Cospeito, 1965) é xornalista e autor de Rogelio Groba. Meditacións en branco e negro, biografía oficial do compositor. Dende ese momento converteuse nun dos seus colaboradores habituais, escribindo os libretos de dúas óperas ("Floralba" e "Pedro Madruga. O noso Rei"), os textos dunha cantata ("Corpus en Ponteareas") e un réquiem ("Samaín. Réquiem galego"), entre outras obras. Ademais é autor de 'Ponteareas máxica', recompilación de lendas tradicionais.

Compartir na redes sociais: