O acto celebrado no auditorio Reveriano Soutullo contou coa presenza do autor, Manrique Fernández, e do protagonista do relato, Rogelio Groba, así como do director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, e do alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla.
Diabolus in música é un libro de conversas que repasa a vida de Rogelio Groba, incidindo na súa particular visión do mundo da música e da cultura, adentrándose na personalidade do compositor máis relevante da historia musical galega. O libro inclúe un CD cunha ampla escolma dalgunha das composicións máis destacadas de Rogelio Groba.
Víctor F. Freixanes apuntou á dilatadísima carreira como compositor, director de orquestra e tamén como autor de ensaios musicais de Groba, quen leva rexistradas máis de 600 composicións. Manrique Fernández destacou a capacidade de Rogelio Groba para calquera tipo de música e tamén gabou a súa capacidade como conversador e a claridade das súas ideas arredor do mundo da música. Pola súa banda Groba insistiu na importancia da música na sociedade, no seu valor como forma fundamental de cultura.
O Trío Cassadó (violín, cello e piano) interpretou a obra "Trío", do compositor Eligio Vila, tamén presente, e pechou o acto coa interpretación de "Trium", de Rogelio Groba.