Un vello bibliotecario contacontos está a facer as delicias de todos os públicos co espectáculo, creado por Merlín Comunicación e Adarme Visual, para o programa falaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, "O Señor das dunas".
Estamos diante dun espectáculo dirixido a grandes e pequenos no que o narrador divaga sobre diversas historias mentres que un alumno aventaxado ilustra na area os seus contos a medida que os vai narrando.
En todas e cada unha das localidades nas que se representou a obra obtivo sempre cheos completos. Os asistentes marchan, ademais de coa grata sensación de ter gozado dunha hora de fantasía e maxia, cun exemplar da publicación, preparada por Merlín Comunicación, do Grupo Editorial Galaxia, 'Cinco contos galegos' que contén os cinco contos tradicionais da nosa terra que o Señor das Dunas contou mentres na pantalla xigante o seu discípulo ilustraba con area.
Mais para que a acción sexa completa o Departamento Didáctico de Merlín Comunicación preparou un documento, que podes descargar dende a ligazón da dereita, no que se ofrecen algunhas reflexións e estratexias para seguir traballando os contos e a narración oral tamén dende a casa.