Contoplanet supera as 7000 descargas

Categoría: Nova

A experiencia pioneira dentro do mundo editorial galego, Contoplanet, que permite a calquera persoa do mundo, a través da tenda App. Store mercar contos en galego, castelán e inglés do catálogo de Editorial Galaxia, superou xa as 7000 descargas.
Contoplanet, que xa foi merecente de varios premios EGANET e que foi incluso finalista dos Mestre Mateo do sector audiovisual, permite a descarga dos contos animados para lelos como se fosen un libro tradicional ou co seu audio en calquera dos tres idiomas. Ao tempo, permite a quen queira facer a súa propia gravación ou combinar as linguas para escoitar nunha e ler noutra.
Os títulos dispoñibles de Galaxia, á espera das novas incorporacións que se producirán en breve, son dous de Fina Casalderrey ('Puag!, que noxo!' e 'Un can no piso'), 'Quen son?', de Alicia Borrás, 'Voces na lagoa do espantallo', de Xan López Domínguez e 'Conto para non comer' de Oli.
A edición galega, e nomeadamente Editorial Galaxia apostan, con este produto editorial e outros como a edición para iPad de 'O soldadiño de chumbo' polos novos formatos dixitais para adaptarse aos novos hábitos de consumo cultural do século XXI.

Compartir na redes sociais: