A RAG inaugura un simposio sobre Carlos Casares na Coruña

Categoría: Nova

Hoxe, ás 17,00h, inaugúrase na sede da rúa Tabernas da Real Academia Galega un simposio sobre a figura de Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2017 que xa remata. Organizado polos académicos Marilar Aleixandre, Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga, o simposio contará coa presenza de moitos dos autores de Galaxia e do seu director xeral, Francisco Castro.
Con conferencias ao cargo de Arcadio López Casanova, Francisco Xavier Carro Rosende e Víctor F. Freixanes, actual presidente da RAG, as tres xornadas do simposio, todas elas en horario de tarde, desenvolveranse a través de mesas redondas: “Na procura de novos lectores”, moderada por Fina Casalderrey e na que participarán Manuel Forcadela, Montse Pena Presas e Gonzalo Navaza; “Polos buracos da memoria”, moderada por Henrique Monteagudo e na que tomarán a palabra Marilar Aleixandre, Antón Riveiro Coello, Francisco Castro e María López Sández; e “Articulista, ensaísta, lector”, moderada por Xosé Manuel Pereiro e integrada por Álex Alonso, Ramón Loureiro e Inma López Silva.

O Simposio conta coa aprobación definitiva e recoñecemento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como actividade de 12 horas de formación permanente do profesorado. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia.
Podes consultar a programación ao completo aquí.
Compartir na redes sociais: