COCIÑANDO AO PÉ DA LETRA

Categoría: Nova

Estes días está chegando ás librerías de todo o país o libro 'Cociñando ao pé da letra', un volume singular que está chamado a sorprender dende moitos puntos de vista a aqueles que se acheguen a el.
O libro, coordinado por Yolanda Castaño e co traballo fotográfico de Andrea Costas, reúne a 21 escritoras e escritores galegos coas mans na masa, autoras e autores que prepararon receitas literarias para darlle unha volta á arte de cociñar.
En palabras da poeta compostelá, "vinte e unha escritoras e escritores galegos, coa máxima diversidade en canto a sexo e xeración, xénero literario e ata zona xeográfica. Homes e mozas, rapaces, señoras, da aldea, na cidade, na costa, do interior. Son algunhas das máis representativas e puxantes voces das nosas letras actuais. Autoras de ensaio e de literatura dramática, narradores, poetas, cultivadores de literatura infantil e xuvenil. Unha variada riqueza a través de ollos multiplicados, a través de perspectivas o suficientemente plurais".
Sobre o traballo fotográfico engade: "Durante catro meses, polo verán de 2009, Andrea Costas e mais eu tivemos a fortuna de sermos recibidas nos fogares destes 21 escritores e escritoras galegos. Abríronnos de par en par os seus espazos propios, convidáronnos xenerosos a sentármonos ás súas mesas".
Un libro, xa que logo, para comer con palabras cheo de verbas comestibles.

Compartir na redes sociais: