Este domingo, a Casa Grande de Cimadevila (Amoeiro, Ourense) anegarase dos acordes solemnes, mais tamén festivos, do tema que
Cristina Pato preparou especialmente con motivo do acto no que a Fundación Otero Pedrayo lle entregará o Premio Trasalba 2013. Hai anos, no 2006, fora Milladoiro quen correspondera ao premio cunha composición orixinal. Desta volta, é Cristina Pato quen quixo facelo e deixar así para a posteridade unha mostra do seu inmenso talento compositivo.
Está previsto que aproximadamente unhas cincocentas persoas acudian ao acto literario, que está programado para as 12,30 horas e que, como é tradicional, rematará nunha comida ao aire libre, no souto veciño á casa de don Ramón.
No acto intervirá Pablo Sánchez Ferro, membro da Xunta de Goberno da Fundación Otero Pedrayo, que pronunciará a laudatio da homenaxeada e que é autor, xunto con Xan Padrón, do libro "Galicia no fol", no que se recolle o agasallo de moi diversos amigos da artista, espallados por todo o mundo, dende o violonchelista Yo-Yo-Ma, que colaborou con Cristina Pato nalgunhas producións, a autores e autoras galegos, músicos e animadores culturais.
O libro "Galicia no fol" vai acompañado dunha produción audiovisual de arredor de 30 minutos (DVD) dedicada ás últimas producións de Cristina Pato ("Migrations") e un CD no que se recolleunha gravación orixinal dedicado á casa e o contorno de don Ramón, "Alalá e muiñeira de Cabana", recreación dun tema tradicional.
O premio Trasalba, que este ano celebra a súa XXXI edición, ten carácter honorífico e vai dedicado a persoas que, pola súa actividade ou traxectoria, teñen unha significación especial na proxección da cultura galega. O presidente da Fundación entrega ao homenaxeado ou homenaxeada, en lembranza do acontecemento, unha figura de bronce do Patriarca das Letras Galegas deseñada e fundida especialmente para a ocasión polo escultor Manuel Buciños.
No acto literario presentarase tamén o libro "Xeórxicas do pan", recuperación dun longo e fermoso poemario de Otero Pedrayo, rescatado por un equipo de investigadores da Universidade de Vigo dirixido polo profesor Manuel Forcadela, e mais a edición popular que no seu día preparou Francisco Fernández del Riego sobre a vida do señor de Trasalba.
Como é habitual nestas datas, nese mesmo día terá lugar a asamblea ordinaria do Padroado da FOP, na que se dá conta das actividades da Fundación durante o exercicio e, se procede, se aproban as contas oficiais do ano 2012.