Cinco anos sen Carlos Casares

Categoría: Nova

A Fundación Carlos Casares é a encargada de organizar estes encontros, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña. Trátase de reunir distintas voces de distintas literaturas coa idea de reflexionaren sobre o feito literario. Anualmente, os Diálogos Literarios de Mariñán ofrecen a oportunidade de coñecer tendencias, preocupacións, gustos e liñas de traballo, tanxenciais ou dominantes, na realidade das letras. O seu punto de referencia son, en parte, os Encontros anuais de Verines (Asturias), nos que Carlos Casares participou moi activamente, aínda que no caso de Mariñán con personalidade propia.

Nesta IV edición dos Diálogos participaron, entre outros, César Antonio Molina, Luis Alberto de Cuenca, Inés Pedrosa, Joan Zotazar, Román Raña, Carme Riera, Ramón Loureiro, Camilo Franco, Antón Lopo, Xan Carballa, Rebeca Baceiredo, Pere Rovira, Luis García Jambrina, Teresa Moure, Luís Paradelo, Luís Rei Núñez, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, etc.

Os encontros celebráronse no pazo de Mariñán, á beira da ría de Betanzos, nun marco magnífico de retiro e beleza natural. Pedro Blanco, xerente da Fundación Carlos Casares, e Celestino Poza, responsable de cultura da Deputación Provincial, fixeron votos para a súa continuidade que, en realidade, está garantida pola calidade das intervencións e o clima de debate e coñecemento que os presiden. Anualmente, as principais ponencias recóllense nunha publicación.

Este ano a memoria de Carlos Casares tivo especial relevancia, cando se cumpren cinco anos do seu falecemento. Editorial Galaxia continúa a publicar a "Biblioteca de Autor Carlos Casares", na que anunciamos para despois do verán dúas novas entregas da serie "Á marxe", onde reunimos a produción de literatura xornalística que levaba tal título nas páxinas de La Voz de Galicia, e un volume no que se recollerán as colaboracións de crítica literaria, "A ledicia de ler", publicadas contra finais dos anos 70.

Compartir na redes sociais: