Chus Pato ingresa na Real Academia Galega

Categoría: Nova

O sábado 23 de setembro, Chus Pato ingresará na Real Academia Galega como membro de número. A sesión extraordinaria e pública terá lugar no Paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense ás 12h. A poeta, que ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do escritor ourensán Xosé Fernández Ferreiro, lerá un discurso titulado “Baixo o límite”, ao que dará resposta o académico Francisco Fernández Rey.
Din dende a Real Academia que co ingreso de Chus Pato “incorpórase á institución unha das poéticas máis persoais e vangardistas da literatura actual. A súa é unha voz renovadora e rupturista que se caracteriza tamén por un fondo compromiso ético”. E así o cremos tamén dende Galaxia, que nos últimos anos editou algunha das súas obras capitais.
No 2006, vería a luz na colección Dombate a reedición de A ponte das poldras (1996), onde o poema “traslada a lectoras e lectores a un espazo de emancipación, desde onde a poeta revisa a historia”, ou en palabras da crítica Iris Cochón onde “recupra o silenciado e inscribe o utópico”. A este libro, seguiríalle no 2010 a reedición de Fascinio (1995), “poemario [que] consegue debuxar a paisaxe do posible para permitir, con claridade non aparente, aprender non o que as palabras afirman, senón o que son”.
Os versos de Secesión (2009), a primeira obra de Pato publicada directamente en Galaxia, levaríana a ler, en diálogo coa súa tradutora ao inglés, a tamén poeta, Erín Moure, na Universidade de Harvard. Alí, os textos deste libro, onde se tecen os discursos da memoria, a historia, a narración e a poesía, foron gravados en voz da autora para integrar parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room. Ademais, Secesión, resultado dun proceso de pensamento sobre a escrita, foi considerado o mellor libro do ano 2009 para o suplemento “Revista das Letras” do desaparecido Galicia Hoxe.
En 2013, de novo a colección Dombate acollería a que é ata hoxe a última publicación da poeta: Carne de Leviatán, polo que foi recoñecida co Premio da Irmandade do Libro como mellor autora do ano.
Recoñecida internacionalmente, Chus Pato foi traducida ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais como Poésie en Galice aujourd’hui (Sources, 1999), Las poetas de la búsqueda (Libros del Innombrable, 2002) New European poets (Graywolf Press, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizioni dell’Orso, 2008) ou To the wind our sails; Iris writers translate Galician poetry (Salmon Poetry, 2010).
Celebramos, pois, este novo recoñecemento a unha das máis grandes poetas en lingua galega nas últimas décadas, e agardamos que o ton rupturista e a constante innovación presentes na súa poética, guíen tamén a súa traxectoria na Academia.
 

Compartir na redes sociais: