Estes días chegaba ás librarías Galicia no labirinto da nova política, de Xoán Hermida, un libro fundamental para entender o panorama actual da política galega.
Nos últimos anos obsérvase un cambio de paradigma na política global, que, no caso do Estado español, adquiriu particularidades específicas, e onde Galicia actuou como epicentro. Neste libro titulado Galicia no labirinto da nova política. De Nunca Máis ás Mareas, Xoán Hermida González analiza as organizacións que se orixinaron nas correntes altermundistas, colleron forza nos movementos Nunca Máis e 15M e materializáronse nas Mareas, que hoxe detentan o poder municipal en non poucos concellos de Galicia e xa son unha forza determinante no espazo sempre en movemento da esquerda en Galicia. Unha análise profunda sobre unhas plataformas que naceron para mudar o panorama político de xeito irreversible.
Xoán Hermida González, nado en Pontevedra en 1965, é activista social e analista sobre a realidade galega con varios artigos e obras publicadas. Tamén participa como docente e ponente de diferentes iniciativas (durante o período 2003-2008 colaborou co máster de Cooperación Internacional e Xestión de ONGs da Faculdade de Ciencias Políticas e Administración Pública). Licenciado en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, nela realizou o máster de posgrao “Filosofía: cuestións actuais” no curso 2010-2011. É doutor polo Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC (2015) coa tese Movementos sociais e altermundismo en Galicia: De Nunca Máis a AGE (2002-2012). Coordinou o Grupo Parlamentario Mixto no Parlamento de Galicia durante a V lexislatura. Entre 1999 e 2007 dirixiu a ONG Amarante, da que foi fundador, e desde 2015 dirixe o Foro de pensamento ecosocialista OBenComún. Actualmente está vinculado á Marea Pontevedra.
A súa web é www.xoanhermida.eu