Chega estes días ás librarías Deixe a súa mensaxe despois do sinal, a orixinalísima segunda novela de Arantza Portabales. Contada dun xeito abraiante, Portabales elixe catro voces de muller, as de Marina, Carmela, Sara e Viviana, que deixan mensaxes nun contestador e van tecendo así unha única trama. Historias de moitas almas que imos construíndo a medida que escoitamos o que se deixa nun aparello, frío, que, con todo, está cheo de vida, das vidas, ás que a autora fai brillar cun lume de palabras que non nos deixará indiferentes.
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973), filla de emigrantes galegos, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Iníciase como escritora no ano 2013, cultivando o xénero do microrrelato. Participou en libros colectivos como 40 plumas e pico, As palabras contadas, Lecturas d’Espagne, volume 2, Purorrelato de Casa África, volume 2, Escribo 3, Microvuelos e Cincuentos. En outubro de 2015 publicou o seu primeiro libro de microrrelatos: A Celeste la compré en un rastrillo. Ese mesmo ano a súa novela Sobrevivindo (Galaxia, 2015) resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Regularmente escribe microficción no blog Una nube de historias.