Hoxe pola mañá tivo lugar na libraría Couceiro de Compostela a presentación á prensa de De Gres a Cádiz, un libro inédito de Xosé Neira Vilas editado pola profesora da USC Dolores Vilavedra e Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas. Acompañándoos estivo o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro. A este novo libro inédito, que aparecerá dentro da Biblioteca de Autor que a Editorial Galaxia dedicou, xa en vida, a reunir a obra do escritor inmortal de Memorias dun neno labrego, sumarase en 2019 un segundo volume tamén descoñecido ata o de agora.
Así, estes días chegará ás librarías galegas De Gres a Cádiz, un libro que Neira Vilas comezou a escribir por volta de xaneiro de 1996 e que está composto por un “ramallete de lembranzas, de prosas condensadas”, tal como afirma o propio autor no limiar que deixou preparado para esta edición. Xosé Neira Vilas recoñece tamén abordar neste novo libro unha parte da súa vida con nostalxia e coa idea de “revelar, ao meu xeito, a Galicia aldeá de varias décadas atrás”. E, como é característico de toda a súa produción, literaria ou memorialística, bota man da narración en primeira persoa para dar conta do mundo que viu dende os seus ollos atentos. Deste xeito, en De Gres a Cádiz enmárcanse as vivencias do autor no período comprendido entre a súa estancia no Gres que o víu nacer, e a chegada a Cádiz, cidade onde se embarcou aos 20 anos cara a América disposto a vivir “unha nova etapa vital”. En definitiva, unha crónica da primeira parte da súa vida que nos vai permitir completar, con precisión, ese chanzo da súa biografía.