Cereixeiras en Trasalba

Categoría: Nova

A casa grande de Trasalba será o próximo día 28 unha festa: homenaxe a Xosé Manuel Beiras, Premio Trasalba na súa XXVII edición. E as cerdeiras da horta enchéronse de cores. Unha fantasía. Dende o corredor e a solaina deseñada por Castelao, ollamos estes ramos inzados de froita, onde veñen polas mañás a peteirar os merlos, e logo afinan as frautas nas cameleiras.

Se é certo que os lugares gardan a memoria das xentes que un día os habitaron, as cerdeiras lembran o pulo, a alegría, o optimismo natural de don Ramón, o señor de Trasalba, casa grande de Cimadevila, dende as bocarribeiras de Amoeiro, ollando cara o mundo e os horizontes da serra Martiñá, as videiras empezando a agromar nas encostas do Ribeiro e os castiñeiros do souto cheos de candeas.

Compartir na redes sociais: